Creación e xestión de submercados

Un submercado é un mercado que opera dentro dun mercado xa existente. Os submercados herdan as personalizacións do seu mercado principal, polo que podes crear experiencias máis orientadas a grupos de clientes específicos sen ter que establecer toda a configuración desde cero. Ao creares un submercado, herdará de maneira automática todas as personalizacións do mercado principal. Logo, poderás anular unha configuración específica do submercado para darlle prioridade, aínda que conserves as demais por herdamento.

Por exemplo, se creas un mercado Europa coa seguinte configuración:

  • A moeda está configurada como EUR
  • Hai un catálogo de produtos europeo asignado
  • Hai un báner personalizado na túa páxina de inicio para clientes europeos

Despois, creas un submercado Francia dentro de Europa. Francia herdará toda a configuración de Europa de xeito automático. Entón, poderás personalizar Francia cun dominio en francés e unha promoción específica para este país, mais o catálogo europeo e a moeda EUR seguiranse herdando.

Mercados principais e submercados

Os mercados forman unha xerarquía con base nas súas condicións:

  • Un mercado con condicións máis amplas é o mercado principal doutro mercado con condicións máis específicas.
  • Un mercado con condicións máis específicas é un submercado dun mercado máis amplo.

Por exemplo, se tes un mercado Norteamérica que inclúe os Estados Unidos, o Canadá e México e despois creas un mercado Canadá que só inclúe a este país, entón Canadá será un submercado de Norteamérica.

Un submercado pode ter máis dun mercado principal. Por exemplo, un mercado B2B Canadá é un submercado tanto dun mercado rexional Canadá coma dun mercado Todo B2B. Cando isto ocorre, o herdamento segue regras específicas baseadas no tipo de mercado.

Regras de herdamento de submercados

As distintas personalizacións seguen regras de herdamento diferentes cando un submercado ten un ou varios mercados principais.

Moeda

  • Os submercados herdan a moeda do seu mercado principal de forma predeterminada.
  • Personalizar a moeda nun submercado anula a moeda da opción principal.

Se un submercado ten varios mercados principais con distintas moedas, usarase a moeda que mellor coincida coa moeda local do cliente. No caso de non coincidiren, daráselle prioridade á personalización actualizada de forma máis recente.

Catálogos

  • Os submercados herdan os catálogos dos seus mercados principais.
  • As personalizacións de catálogo combínanse con catálogos do mercado principal do mesmo tipo de mercado, mais anulan as dos catálogos dun tipo de mercado distinto.

Se o mesmo produto existe tanto no mercado principal coma no catálogo de submercados con prezos distintos, usarase o do submercado. No caso de que exista o mesmo produto en varios catálogos de mercado principal con prezos distintos, mostrarase o prezo máis baixo.

Tema da tenda en liña

  • Os submercados herdan as personalizacións do tema dos seus mercados principais.
  • As personalizacións de temas do mesmo tipo de mercado combínanse, pero anulan ás de tipos de mercado distintos.

Proceso de pagamento e contas de cliente

  • Os submercados herdan as personalizacións da conta e do proceso de pagamento dos seus mercados principais.
  • As personalizacións do mesmo tipo de mercado combínanse, pero anulan ás de tipos de mercado distintos.

Dominios e idiomas

  • Os submercados herdan a configuración de idioma e de dominio dos seus mercados principais.
  • A personalización da configuración de dominio nun submercado anula a configuración do mercado principal.

Se un submercado ten varios mercados principais cunha configuración de dominio diferente, herda todas esas configuracións. Os clientes permanecen no mesmo dominio durante toda a súa sesión.

Entidade comercial

  • Os submercados herdan a entidade comercial do seu mercado principal.
  • Personalizar a entidade comercial nun submercado anula a configuración do mercado principal.

Se varios mercados principais teñen diferentes entidades comerciais, priorízanse por orde de creación. Úsase a entidade comercial máis antiga.

Aranceis e impostos

  • Os submercados herdan a configuración de aranceis e impostos do seu mercado principal.
  • Personalizar a configuración de aranceis e impostos nun submercado anula a configuración do mercado principal.

Se varios mercados principais teñen unha configuración diferente de aranceis e impostos, utilízase a que mellor se adapte á localización do cliente.

Opcións de envío

  • Os submercados herdan as opcións de envío do seu mercado principal.
  • Personalizar as opcións de envío nun submercado anula as opcións do mercado principal.

Un mercado subrexional é un submercado no que só podes personalizar as opcións de envío.

Crear un submercado

Se se determina que un mercado novo se atopa dentro dun existente, considérase un submercado.

Pasos:

  1. Desde o teu administrador de Shopify, vai a Mercados.

  2. Fai clic en Crear mercado.

  3. Na sección Nome, introduce un nome para o teu novo submercado.

  4. A carón do campo de nome, selecciona o estado de publicación do novo mercado:

  • Selecciona Activo para mostrarlle o novo mercado aos clientes en canto se cree.
  • Selecciona Borrador para previsualizar o mercado antes de mostralo na túa tenda en liña.
  1. Na sección Inclúe, fai clic en Engadir condición e despois engade as túas condicións. As condicións introducidas deben atoparse dentro dun mercado existente. Por exemplo, se tes un mercado para Norteamérica, podes seleccionar Canadá para crear un submercado.
  2. Na sección Herdado, revisa as personalizacións do teu novo mercado. Esta configuración hérdase do mercado principal.
  3. Opcional: fai clic en Plus Circle Icon a carón dunha configuración para anulala no submercado. Despois de facer un cambio, a configuración móvese da sección Herdado á sección Personalizado.
  4. Fai clic en Gardar.

Revisar os submercados na vista de gráfico

Como a relación entre mercados e submercados pode ser complexa, a vista de gráfico dos mercados ofrece un mapa visual da súa xerarquía. Podes usala para ver como flúe a configuración desde os mercados principais aos submercados, revisar que opcións se herdan ou personalizan en cada submercado e previsualizar a experiencia do carro do cliente. Para obter máis información, consulta o apartado sobre como usar a vista de gráfico dos mercados.

Eliminar un submercado

Despois de eliminar un submercado, os clientes desa rexión pasan a recibir a experiencia do mercado principal. Outros submercados do mesmo mercado principal non se ven afectados.

Cando eliminas un mercado principal, os seus submercados deixan de herdar a súa configuración. Os submercados seguen a existir, pero a súa configuración herdada restablécese aos valores predeterminados da túa tenda.

Para consultar os pasos de cara a eliminar un mercado, diríxete a eliminar un mercado.

Resolver a experiencia do cliente cando se solapan os mercados

Cando un cliente coincide con máis dun mercado, as personalizacións solapadas resólvense nunha única experiencia. A resolución segue estes principios:

  • Se un cliente coincide tanto cun mercado principal como cun submercado, as personalizacións deste último teñen prioridade naqueles aspectos onde se configurasen explicitamente.
  • Se un submercado non personalizou unha configuración en particular, usarase a personalización do mercado principal.
  • Cando un submercado ten mercados principais de distintos tipos (por exemplo, un mercado rexional e un mercado B2B), as personalizacións do mesmo tipo de mercado combínanse, mentres que as de diferente tipo anúlanse.